Tuesday 14 de May de 2024

Xunta e Asociación Rede Madre avalían o plan de apoio á muller embarazada de Galicia


O Plan foi posto en marcha co obxectivo de artellar un abano de recursos, medidas e axudas públicas que aseguren protección ás mulleres xestantes en Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá con representantes de ‘Red Madre’,onde avaliaron o Plan de Apoio á Muller Embarazada, posto en marcha pola Xunta no ano 2012.

Segundo destacou a titular de Igualdade, o Plan integral de apoio á muller embarazada aprobado polo Consello da Xunta de Galicia no ano 2012 foi posto en marcha co obxectivo de artellar un abano de recursos, medidas e axudas públicas que aseguren protección ás mulleres xestantes en Galicia.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a Igualdade de mulleres e homes, establece no seu artigo 3 o dereito á maternidade, que considera como un ben insubstituíble e precisa que todas as cargas e coidados que supón o embarazo, o parto, a crianza e a socialización dos fillos e fillas deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de que non constitúa unha situación gravosa para as mulleres.

Para a elaboración do Plan integral de apoio á muller embarazada tivéronse en conta as seguintes premisas básicas: prioridade das mulleres embarazadas en todas as axudas de carácter social, esforzo na información sobre os programas recursos existentes e atención específica aos colectivos máis desfavorecidos ou con máis dificultades-mulleres inmigrantes, e mulleres con discapacidade, entre outros.

O Plan conta con 49 medidas específicas agrupándose en 8 áreas de actuación: información; prioridade para acceder ás prestacións, axudas ou programas de actuación; asistencia específica para mulleres xestantes menores de idade; asistencia específica para mulleres xestantes que se atopen cursando estudos; asistencia específica para mulleres xestantes con discapacidade ou con incapacidade xudicial; asistencia específica para mulleres xestantes inmigrantes; integración familiar e a rede de apoio á muller embarazada.

Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade
Ademais, no ano 2013 a Secretaria Xeral de Igualdade editou a Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade contén información básica sobre recursos, programas e axudas aos que poden acceder ás mulleres desde a acreditación do seu embarazo, e que ademais veñen a complementar as medidas que o Plan Integral de apoio á muller embarazada 2012/14 contempla nas súas diferentes áreas de actuación.

A Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade é unha ferramenta útil e de fácil manexo na que atopar información sobre os recursos de apoio existentes tanto a nivel estatal, autonómico e tamén local que poden ser de interese para as mulleres embarazadas. A información recollida comprende varias categorías, coma son os permisos de maternidade, paternidade, reducións da xornada laboral; as excedencias por coidado de fillos/as en acollemento ou por coidado de familiares; as prestacións, axudas e beneficios fiscais; e os recursos sanitarios, sobre os servizos de infancia e outros específicos.

Esta guía está dispoñible en formato on line na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, e así mesmo co obxecto da súa máxima difusión foron distribuídos 15.000 folletos que se repartiron por todos os centros asistenciais e sanitarios da comunidade autónoma, así como naqueles centros dependentes da Xunta de Galicia que presten labores de información.